Detrás do espello sempre axexa o ser real que somos. Detrás dalgúns obxectos, como detrás dalgunhas portas, hai sempre un segredo que podemos adiviñar pero que xamais descifraremos. Porque o mesmo ca nós, as cousas, os artefactos, están detrás dun espello. Axexándonos, xulgándonos, consolándonos .

Os meus obxectos cotiáns sobreviviranme. Seguirán aí cando eu me vaia. Non me botarán de menos. A súa despreocupación, a súa falta de apego, o seu desdén, a súa inmobilidade irreflexiva, un bo día fixéronmos atractivos. Mais se non volvese pousar a miña mirada sobre eles, quedarán perpetuamente quietos, cubríndose de po, alleos a calquera traxedia e a calquera alegría. A ferruxe, o mofo, os desapiadados insectos, apropiaranse das súas quietas almas sen que eu volva oír deles unha soa queixa nin reproche.

antonfernandez.com